Eganet coordina a nove empresas galegas para o incremento da súa capacidade e competitividade a nivel internacional

8 febrero, 2012
By

A través da participación de Eganet no Programa Innoempresa, nove empresas do sector TIC poderán obter as certificacións ISO 27001 e ISO 9001+14001. Estas normas regulan, respectivamente, a xestión da seguridade da información e dos sistemas que a procesan, e os sistemas de xestión da calidade e sistemas de xestión ambiental.

Para o desenvolvemento deste proxecto, cofinanciado polo Igape e os Fondos Feder, Eganet contará coa colaboración de técnicos externos, con ampla experiencia na implantación dos sistemas regulados nestas certificacións. A empresa de consultaría Asdel Consulting será a responsable da implantación destas normas. Está previsto que o proxecto remate a finais do mes de setembro de 2012.

Tras unha primeira fase de recollida de datos, o equipo de traballo elaborará un manual de xestión coa presentación da empresa e un conxunto de compromisos sobre seguridade da información, medio ambiente e calidade, que estean perfectamente aliñados coas esixencias das normas. Posteriormente, deseñarase un manual de procedementos de actuación cos formatos para o rexistro dos datos e instrucións técnicas. A implantación destes procedementos permitirá tomar as medidas necesarias para acadar unha seguridade, control medioambiental e de calidade óptimos.

A xestión segura da información

A información é, hoxe en día, un dos capitais fundamentais para as empresas, e a xestión segura da mesma é un punto moi sensible no funcionamento dun negocio, tanto no sector TIC coma noutros sectores do tecido produtivo. Mediante a implantación da norma ISO 27001 é posible acadar un sistema de xestión de información e datos que evite ou reduza o risco de vulneracións internas ou externas e que potencie a súa integridade, dispoñibilidade e confidencialidade en todos os procesos de negocio dispoñibilidade e confidencialidade en todos os procesos de negocio da empresa.

A obtención desta certificación ten amplos e claros beneficios obxectivos para as empresas: aporta confianza aos clientes, dado que garante o compromiso da organización coa seguridade da información que circula polas súas canles, o que supón unha vantaxe comercial fronte a outros competidores; permite, tamén, coñecer e neutralizar as ameazas que poden comprometer a continuidade da actividade empresarial; fai posible, asemade, aforrar custes grazas ao plan de continuidade. Por último, a obtención dunha ISO 27001 evidencia que a empresa cumpre rigorosamente a lexislación asociada aos procesos de negocio.

A xestión ambiental e de calidade

Para que unha empresa teña permanencia e sexa competitiva no mercado, cada vez é máis relevante a mellora continua dos seus proxectos a tódolos niveis. A certificación combinada ISO 9001+14001 implica que estamos ante unha entidade que xestiona sistematicamente a calidade dos seus produtos e servizos, facendo fincapé na optimización de recursos a través da simplificación dos procesos e interaccións e imprimindo maior competitividade, tendo sempre en conta os parámetros medioambientais esixidos por esta norma e o cumprimento da lexislación vixente nesta materia.

A implantación deste tipo de sistemas de xestión supón unha garantía de confianza engadida sobre os produtos ou servizos que ofrece ao consumidor, xa que a súa certificación é un recoñecemento á calidade e ao respecto ao medio ambiente.

Non obstante, ademais de supor unha mellora na súa imaxe, permite ás empresas unha mellor xestión dos recursos e, con iso, unha redución de custes considerable. Outro beneficio importante da ISO 9001+14001 son que, grazas ao traballo coordinado que leva á súa implantación, poderase obter unha visión global da organización, o que fará máis fácil o control integral da mesma.


Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *

*