As empresas socias de Eganet decidiron outorgar o Premio Especial 2011 á Fundación Foltra, entidade adicada á axuda á rehabilitación física e intelectual de pacientes con danos neurolóxicos, ou con calquera outro tipo de patoloxías que requiran tratamento específico e intensivo, unha vez cuberta a primeira etapa de asistencia hospitalaria.
Cada ano, este galardón é outorgado pola propia asociación, fóra de concurso, ao proxecto, entidade ou personalidade galega que máis se teñan esforzado “en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no entorno de Internet, contribuíndo así a promocionar as novas tecnoloxías na sociedade”. Supón, polo tanto, un recoñecemento ao traballo daquelas entidades que apostan de xeito claro pola aplicación das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar o seu labor en sectores non necesariamente ligados ás TIC.
Seguindo estes criterios, Eganet ven a premiar á Fundación Foltra que, desde principios deste ano, incorporou as tecnoloxías da información na súa estrutura como medio clave para vertebrar a prestación dos servizos que prestan nos fogares das familias e en centros colaboradores. Así, facilitan ás familias e coidadores o traballo de rehabilitación destes pacientes cuxa recuperación é, en moitos casos, moi complicada para as familias tanto en termos de coñecementos como
economicamente.
Foltra puxo en marcha a creación dun novo Centro de Terapias Rexenerativas que non só contará cun centro de día senón tamén cun centro virtual, vertebrado en torno a tres eixos principais: a difusión, a formación e a xestión dos recursos.
A creación da web corporativa www.foltra.org, baseada en software libre, ven cubrir as necesidades no primeiro destes ámbitos, o da difusión, servindo para a publicación de novas tanto da propia fundación como doutras do ámbito socio-sanitario.
Para axudar á formación dos coidadores e das familias, crearon unha aula virtual baseada na tecnoloxía LAMP (plataforma para o desenvolvemento e execución de aplicacións web que une Linux, Apache, MySQL e PHP), orientada a valoracións terapéuticas e á creación de contido de apoio para o tratamento dos pacientes na casa.
En canto á xestión, Foltra desenvolveu unha intranet/extranet que permite a integración dos centros colaboradores co principal e contribúe, ademais, a mellorar a atención ao paciente con axendas e citas optimizadas.Para alén destas accións, en Foltra utilizan ferramentas tecnolóxicas para o tratamento directo dos pacientes contando, por exemplo, con consolas Wii e videoxogos como Brain Training.
Calcúlase que entre 6 e 7,5 millóns de cidadáns sofren algún tipo de enfermidade neurolóxica e, ao redor de millón e medio deles, grave. A elección de Foltra para o Premio Especial Eganet 2011 responde, sobre todo a dous factores do seu labor: primeiro, o uso da tecnoloxía para mellorar a prestación duns servizos que pode contribuír á mellora da calidade de vida dunha gran cantidade de persoas; segundo, que é unha entidade galega que, a través de tecnoloxía feita na nosa terra, ofrece servizos a toda España nun eido tan importante como o socio-sanitario.
Foltra súmase así á lista dos “premiados especiais” de Eganet, na que xa están Antonio Llanos, Javier García Tobío, o xornal dixital Vieiros, o Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), Retegal, Vindeira e Altia.
A entrega deste galardón realizaráse durante a Gala dos Premios, o vindeiro 21 de decembro ás 12:00h no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.

