Gañadores e finalistas dos premios Eganet 2011 amosan o potencial do sector TIC galego na gala de entrega dos premios

21 diciembre, 2011
By

Eganet, a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías, entregou hoxe os seus galardóns anuais nunha cerimonia celebrada no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia á que asistiron unhas 200 persoas, e na que puidemos ver algúns dos mellores proxectos TIC que nos deixou o ano 2011.

Tras semanas de expectación, coñecimos por fin os nomes e apelidos dos proxectos que levaron os galardóns nas cinco categorías a concurso. O Premio á Mellor Comunicación Dixital foi para Elogia, grazas á campaña humorística “Mátalos de risa con KillPaff, baseada en monólogos de humor difundidos polas redes sociais e con diversas opcións de participación; na categoría de Mellor Aplicación Software, o xurado decidiu outorgar o premio a Bahía Software, pola súa BayDICOM Media”, un sistema de importación e exportación de imaxe médica dixital en soportes físicos que xa se aplica no Instituto Catalán da Saúde, o Hospital Santa María de Lleida ou a Fundación Hospital Asil de Granollers, entre outros.

Elo Technologies levou o galardón na categoría de Mellor Negocio Online co seu proxecto “BuyDeal, unha plataforma web de promoción dos negocios galegos a través da rede especializada nos sectores de beleza, lecer e restauración. A empresa coruñesa Trileuco Solutions, adicada ao desenvolvemento de ferramentas para a optimización dos procesos de negocio, e que cun activo departamento de I+D, gañou na categoría de Mellor Proxecto Emprendedor TIC. A última incógnita da Gala resolveuse coa entrega do Premio ao Mellor Proxecto Empresarial TIC a Elogia, a veterana empresa de márketing e comunicación dixital, que saíu así premiada por partida dobre.

Durante a súa intervención na Gala, Víctor López, presidente de Eganet, quixo salientar o papel fundamental que as empresas do sector teñen que asumir para ser un dos motores da sociedade e da economía galegas: “A inclusión das TIC ten demostrado ser un dos xeitos máis sinxelos e eficaces de aumentar a produtividade, a competitividade, racionalizar os recursos e reducir os custos. Estes catro factores son clave para o éxito”.

Asemade, fixo un chamamento á responsabilidade e compromiso dos poderes públicos para co sector TIC galego: “Deben ser conscientes disto, porque apostar polas TIC é apostar polo futuro”. López salientou tamén que, ante os retos que depara o futuro inmediato, a colaboración e a comunicación entre a administración, as empresas, as asociacións e os clientes é vital.

Premio Especial á Fundación Foltra e recoñecemento ás empresas máis veteranas.

Durante a Gala, presentada por Marcus Fernández, subdirector de Código Cero, e Susana Alvite, xornalista e xerente de Hexis Comunicación, entregouse tamén o Premio Especial Eganet á Fundación Foltra, pola integración da tecnoloxía como ferramenta para mellorar a súa labor asistencial no ámbito socio-sanitario. Ana Peleteiro, presidenta desta Fundación, salientou as dificultades que conleva un traballo coma o de Foltra, mais tamén as satisfaccións que aporta. Tivo tamén verbas de agradecemento para os creadores dunhas tecnoloxías “que facilitan e axudan a mellorar o servizo que presta a Fundación”.

Ademais, oito das empresas socias de Eganet recolleron o recoñecemento a máis de dez anos de vida empresarial que, en palabras de Alejandro Lamas, secretario de Eganet, son un exemplo de que as TIC feitas en Galicia “teñen capacidade para dar resposta, e superar, as expectativas que nelas hai depositadas”.


Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *

*